Saturday 18 de May de 2024

Inaugurado o novo museo municipal no Castelo de Santa Cruz


Inaugurouse un novo museo municipal no Castelo Santa Cruz. Trátase dunha exposición de obras de arte de propiedade municipal, formada polas doazóns de Jose María Kaydeda e Miguel Pampín Besteiro, que ocupará 4 salas, ampliando así a actual oferta artística do Museo Os Oleiros, da exposición permanente de Isaac Díaz Pardo que tamén se atopa no Castelo e das mostras que se realizan periodicamente en Casa Charry e na Fábrica.

Neste novo museo, baixo a denominación Obxectomanía, reuniuse unha escolma de pezas da colección municipal, organizadas en catro seccións coas que se pretende exemplificar algúns dos tipos máis habituais de coleccionismo: o artístico, o relixioso, o etnográfico e antropolóxico e unha cámara das marabillas con todo tipo de obxectos. As obras expostas en cada sala serán renovadas de maneira continuada, para facer máis atractiva a mostra.

Dada a grande cantidade de obras de arte que ten o Concello e ante a inminente recepción dunha nova doazón por parte dun destacado artista o alcalde anunciou que por parte do Goberno municipal existe intención de crear un novo edificio nun futuro inmediato. Trataríase dun museo coa capacidade necesaria para amosar todas as obras de arte de propiedade municipal.